Sen novas no horizonte:



Os pasado día de Reis autoconvocabámonos na porta do Concello, onde os mesmos tiñan o buzón, para depositar a nosa carta particular. Se ben os Magos de Oriente nada van resolver neste senso, vemos que nada están resolvendo desde a alcaldía de Francisco Ferreira, nin desde a Xunta do PP de Feijóo. Neste acto simbólico de reivindicación limos o seguinte manifesto:

''A NOSA CARTA AOS REIS MAGOS AO GOBERNO DA XUNTA

Bo día e feliz ano a todas. Grazas as que poidestes asistir sabendo que hoxe é un día complicado.
Porque mañá e día de Reis. E as vésperas son días de “PÍDOMO”.
Mais nós non pedimos. ESIXIMOS, DEMANDAMOS, RECLAMAMOS.
Porque o transporte público colectivo é un servizo básico

ESIXIMOS, DEMANDAMOS, RECLAMAMOS. Non pedimos.
Porque temos dereito a ter un transporte público colectivo digno.

Que nos permita conectarnos co mundo. Co máis próximo, coas parroquias do noso concello e cos concellos da nosa contorna; e co máis afastado, a través das conexións con estacións de autobuses, con estacións de trens, con estacións marítimas, con aeroportos... Como fan moitas persoas nestes días.

Que nos permita desprazármonos a traballar, a estudar, a mercar, a desfrutar do ocio, a ir ao médico, sen medo a chegar tarde, a que non saia o autobús, a que non pase pola nosa parada, a que pase e non teña prazas libres e nos deixe en terra...

ESIXIMOS, DEMANDAMOS, RECLAMAMOS
Porque temos dereito a ter un transporte público colectivo fiable, seguro, económico, con máis frecuencias... En fin, DIGNO.

Porque mañá e día de Reis. E hoxe é o día de botar a carta.
Mais as nosas, hoxe, non son cartas. Son denuncias.

DENUNCIAMOS as innumerables irregularidades do servizo que padecemos.
DENUNCIAMOS os continuos incumprimentos na prestación do servizo.
DENUNCIAMOS que, no canto de mellorar, a servizo no noso concello empeora ano a ano.
DENUNCIAMOS que, operando dúas empresas de transporte, temos o peor servizo da contorna e o máis caro con diferencia.

E sobre todo; DENUNCIAMOS que quen ten potestade para mudar a situación, que é o goberno da Xunta, non fai nada por mudala.

Convidámosvos a que vós botedes tamén a vosa carta-denuncia. Tanto se sodes persoas usuarias do precario servizo de transporte que padecemos, e entón saberedes de primeira man que denunciar, como se non. Neste último caso, facédeo por solidariedade e porque calquera día vos pode facer falta, denunciando que non pode ser que esta situación siga a manterse no tempo.

Botádeas hoxe, aquí neste buzón “real”, porque quen as recolla saberá a quen trasladarllas; ou calquera día laborable, aí, no rexistro do Concello.

Denunciemos e sigamos mobilizándonos.

Non agardemos agasallos dun goberno da Xunta, que deberíamos tachar de “inimigo invisible”, porque se compromete a ter unha reunión con nós, para sacarnos de diante, e despois desaparece. Hai máis dun mes que estamos a agardar por unha reunión a que se comprometeu o propio Feijoo, e nin o PP local nin o do Goberno dá sinais de vida.
Ese mesmo día, 1 de decembro pasado, Feijóo díxonos que “non merecíamos” a tarxeta metropolitana, esa que nos permitiría ter descontos de até un 65% no prezo do billetes ou que os menores de 19 anos poideran viaxar gratis; que non a merecíamos porque no seu día a oposición votara en contra.
Hai ocasións, non no nadal, nas que son os gobernantes os que veñen pedir. Teremos que ter en conta neses momentos se realmente fixeron méritos para nos lle dar ou non.

E xa sabedes, a seguir na loita neste 2019 recén comezado. Contamos con todas e todos vós.
Estade pendentes porque convocaremos asemblea proximamente.''


Pasaron os Reis, vai metade de xaneiro e pronto chegará o Entroido. Nós seguimos nas mesmas, sen transporte público útil e sen corpo para festas.  

Todo canto se prometeu en 2018 quedou en palabras no aire; reunións, documentos, sinaturas, apoios multitudinarios, incluso unha manifestación na nosa vila. Foi un 2018 duro e enfrontámonos a todo canto responsable había.

Chegan tempos de eleccións e en todos estes anos de tácticas partidistas entre PP e PSOE, deixando a Gondomar bloqueada e sen servizos dignos. Caso ningún nos fixeron. Pode que un milagre electoralista veña remendar, non agardamos nada de quen nos negou todo. 

Este 2019 é ano de comicios e será ano de cambios tamén, e seguiremos loitando por un transporte digno para Gondomar. 


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Mobilización polo transporte - 23 OUTUBRO

Sexas traballador/a ou estudante; ESTE SÁBADO nova asemblea veciñal: