Novas deficiencias nas liñas de Melytour e balóns fóra entre PP e PSOE.


Hoxe volve ser unha xornada máis para nós, como usuarias dun transporte público de vergoña.


As liñas de Melytour (xa por si mesmas deficientes) teñen actualmente unha inestabilidade que mingua o seu posible uso, pois vémonos na incerteza cando non sabemos se o bus que esperamos vai pasar ou non, se chegaremos ao traballo hoxe, se poderemos ir a tempo á cita médica no hospital, ou a que hora estaremos de regreso na casa.

Esta empresa, a cal responde en beneficio dunha concesión que remata no 2020 teima en xogar co servizo en vontade dos intereses privados da mesma, encarecendo as rutas e mudando as frecuencias coa desculpa das eventualidades. Negámonos a que Gondomar sexa o concello co peor transporte e o máis caro da contorna por máis tempo.

Analizando a reunión mantida o martes na Delegación da Xunta, nun intercambio de acusacións entre o delegado e o alcalde diante da Asemblea, quedou en evidencia que as razóns que impiden a resolución das deficiencias son de carácter político, sen importarlle as consecuencias tan negativas que están a ter as súas accións, tanto para a mobilidade como para as economías familiares da veciñanza.

Chegábanos tamén nestes días declaracións na prensa do PP de Gondomar, facendo a súa precampaña eleitoral desmarcándose do problema do transporte en Gondomar, evitando responsabilidades sobre a actual situación, cando é o propio Partido Popular quen ten neste caso e desde a Xunta de Galiza a chave para a resolución da mesma. Desde aquí só temos unha certeza: as rifas entre o PP e o PSOE en Gondomar veñen a resumir unha incompetencia manifesta duns e doutros. Namentres, nós seguimos nas mesmas: servizos cada vez máis precarios, froito das súas xestións. 

Animamos, desde a Asemblea Veciñal por un Transporte Digno, a todas aquelas persoas que sufran destas deficiencias (impuntualidades, inexistencia de buses na hora marcada, etc.) a solicitar a FOLLA DE RECLAMACIÓNS, e cos datos que teñan (hai canto esperan na parada, a que hora tiña que ter pasado o bus...) DENUNCIAR a través da Asemblea.

  • É moi importante:
      • Gardar os tickets dos devanditos billetes de bus, para datar a irregularidade.
      • Ter unha copia das denuncias, e así saber hora e liña na que se produciu a mesma.
      • Pedir SEMPRE a folla de reclamacións, posto que o/a traballador/a ten a obriga de facilitarnos tal documento. De non ser así, pódese denunciar á policía local do municipio onde nos atopemos e o autobus debe agardar por nós na realización.

Temos follas de denuncia a disposición; pide a túa ou descárgaa premendo na imaxe.




Comentarios

Publicacións populares deste blog

Mobilización polo transporte - 23 OUTUBRO

Sexas traballador/a ou estudante; ESTE SÁBADO nova asemblea veciñal: